venres, 16 de xaneiro de 2015

Exposición de Víctor López-Rúa " A inquietante beleza" na Fundación Granel

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2015
O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a mostra " A Inquietante Beleza", do abegondés Víctor López-Rúa, que poderá contemplarse no Museo Fundación Eugenio Granell ata o vindeiro mes de abril. Ao acto, tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e  José Antonio Santiso Miramontes,  alcalde do Concello de  Abegondo,  así como diversos persoeiros no eido da cultura abegondesa.
Veciño de Abegondo, Víctor López-Rúa é un artista que destaca sobre todo pola súa renovación conceptual, temática e compositiva da linguaxe da pintura da súa obra. A exposición complétase con un catálogo con texto de Luís Alberto de Cuenca e de José María Parreño, e ilustrado con fotografías de Rosa Muñoz. Do dito catálogo é patrocinador o noso concello.



a inquietante beleza

Víctor López-Rúa recolle na exposición " A inquietante beleza" o seu traballo máis representativo dos últimos tres anos. Obras que foron creadas na súa integridade nun dos lugares máis representativos do noso municipio: O Pazo de Orto, a antiga casa familiar, onde se encontra o seu estudio; unha señorial construción do século XVI, situada nun ámbito particular, pois está rodeada por un fermoso parque de vellas e maxestuosas árbores que linda coas beiras do encoro de Abegondo-Cecebre, e por húmidas e frondosas fragas.
Nesta ocasión, ademais, López-Rúa, abandonou a reclusión daquel espazo interior tantas veces representado, para saír ao encontro dos verdores e da luz que xorden ao cruzar a penumbra do groso limiar da casa. Trátase de obras pintadas en diversos enclaves de Orto e arredores. Paisaxes unidas pola beleza do contorno e por un vínculo oculto que os une: historias das que ignoramos o comezo e o desenlace, e que nos inquietan.
A estas pinturas únense os debuxos de sombras que se recollen en vetustos pregos legais, e doutros, traballos en gran formato, que nos recordan a linguaxe do cine.
Pero tamén pechando o itinerario expositivo, asistiremos á presentación dunha instalación estereoscópica para ver doutro modo a pintura: un xeito orixinal que confronta arte e técnica para reflexionar sobre o papel que pode ter a pintura no novo ámbito da tecnoloxía 3D.
Dende o Concello de Abegondo, apoiamos a obra de Víctor López-Rúa, artista noso de brillante traxectoria, que nos conduce do particular ao universal, que dende a súa xeografía familiar de Orto gaña en intensidade o que abandona en extensión e que recupera camiños perdidos para conducirnos cara a novas experiencias artísticas.
                                                                                       José Antonio Santiso Miramontes
                                                                                                         Alcalde de Abegondo



Fotos Exposición Víctor López Rúa
Para coñecer máis deste artista, visitade este enlace https://www.youtube.com/watch?v=vNy5CDKK-qU

Ningún comentario:

Publicar un comentario